A Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte, reunida este xoves en Madrid, estableceu unha dura sanción económica a un afeccionado polo seu comportamento nas bancadas de Pasarón durante o partido entre Murcia e Pontevedra correspondente á fase de ascenso a Segunda División.
A multa ascende aos 4.500 euros de sanción económica, ao que se suma a prohibición de acceder a recintos deportivos durante un ano.
Explica Antiviolencia que o afeccionado en cuestión "unha vez acabado o encontro, tras provocar reiteradamente a un vixiante de seguridade, negouse a identificarse en reiteradas ocasións e acometeu contra os funcionarios que interviñeron no partido".
Este seguidor corresponderíase cun afeccionado visitante que foi identificado e reducido por axentes da Policía Nacional ao termo do partido.
Por outra banda a comisión de Antiviolencia estableceu outra sanción a un seguidor no choque de volta da eliminatoria, disputado na Nueva Condomina de Murcia. Esta multa ascende aos 1.500 euros e tres meses sen entrar nun reciento deportivo por "negarse a seguir as indicacións dos funcionarios cando lle instaban a que deixase libre unha zona de acceso ás bancada" e faltar "gravemente ao respecto á funcionaria que procedía á súa identificación".