"Sabiamos ao escenario que viñamos e ao rival que nos iamos a enfrontar", defende Antonio Fernández na rolda de prensa de despois do partido entre Mérida e Pontevedra que concluíu con derrota dos granates por 2-0.
"Non estivemos acertados no que tiñamos que estar", asegura, á vez que considera que o seu equipo "en liñas xerais estivo ben" pero viuse penalizado polos seus propios erros á hora de defender.
Sabía ao que ía o Pontevedra a Mérida, coñecía as boas transicións que facía o rival pero, aínda así, non souberon frear os dous goles que viñeron de "decisións erróneas" na que agora hai que "incidir e corrixir".
Con todo, a pesar do 2-0, Antonio Fernandez considera que o equipo estivo ben na primeira metade, con "moitas chegadas a liña de fondo e achegamentos con verdadeiro perigo, pero os centros non foron da calidade suficiente" como para crear ocasións de verdade.
Foi o Mérida, pola contra, o que si soubo aproveitar as súas chegadas a área rival, primeiro nun mal repregamento tras un erro en campo contrario e o segundo tras unha mala toma de decisión á hora de botar unha falta que concluíu en "un contra ataque que non soubemos cortar e que nos penalizou cando mellor estabamos. Foi un xerro de auga fría que nos deixou xeados aínda que o equipo non baixou os brazos en ningún momento".
Para o técnico granate, "tivemos a pelota e soubemos xestionala, pero con este resultado non podes explicar que fixeches as cousas ben", concluíu.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.