O Pontevedra Club de Fútbol prepárase para recibir o vindeiro domingo 4 de decembro (17.00 horas) o Racing de Ferrol no Estadio Municipal de Pasarón nun derbi que levantou gran expectación.
Quizais por iso, e polo desprazamento xa confirmado de polo menos medio milleiro de seguidores ferroláns, o adestrador dos granates, Antonio Fernández, pediu un plus á masa social do club pontevedrés.
"O partido é o domingo ás cinco da tarde, vai facer bo tempo... Non hai escusa para non achegarse a Pasarón", defendeu este venres o técnico. "A afección debe facer un esforzo porque moita da nosa salvación pasa por Pasarón, por facer de Pasarón un fortín", asegurou na súa comparecencia previa ao choque.
Antonio quere manter a condición de invicto do equipo como local ante un Racing "feito para ascender", e que a pesar de que os seus últimos resultados non foron do todo positivos é "un rival que nos vai a poñer en moitísimas dificultades, e imos ter que estar ao noso mellor nivel para poder competirlles".
Non en balde o conxunto ferrolán ocupa a sexta praza da clasificación con 24 puntos, polos 14 que suman os granates.
No que respecta a o seu equipo, Antonio Fernández defendeu que "queremos seguir dándolle continuidade ás últimas semanas. O equipo leva 7 dos últimos 12 puntos e é unha cifra moi boa", algo ao que contribúe "ter dado coa tecla" no once, no que xa apenas hai variacións semana tras semana.
ÁNGEL BASTOS, DESCARTADO
A única baixa que afrontará esta xornada o Pontevedra, salvo contratempo de última hora, será a de Ángel Bastos, lesionado no primeiro adestramento da semana e que sofre, canto menos, unha forte escordadura no seu nocello dereito.
Aínda que o lateral segue pendente de máis probas para determinar o alcance exacto da lesión, e por tanto coñecer de maneira aproximada o seu período de convalecencia, o certo é que a súa presenza as próximas semanas sobre o céspede antóllase pouco menos que imposible.