Ao equipo feminino da Gimnástica escápaselle o ascenso a División de Honra

Pontevedra
27 de maio 2024

Por momentos o equipo pontevedrés chegou a liderar a xornada final polo ascenso á máxima categoría, pero finalmente concluíu na quinta posición escapándoselle o obxectivo. O conxunto masculino pola súa banda pechou a liga cunha meritoria sétima posición final na División de Honra

Lía Caride, na final polo título de Primeira División
Lía Caride, na final polo título de Primeira División / Miguélez Team / Real Federación Española de Atletismo

Ata Castelló desprazouse a fin de semana a Sociedad Gimnástica para disputar a xornada final do Campionato de España de Clubs de Atletismo, co seu equipo masculino disputando a final de liga polo título na División de Honra e o feminino aspirando ao ascenso á máxima categoría.

Precisamente ese era o gran aliciente para a Gimnástica, cos mozos xa salvados, e non andou lonxe.

O conxunto feminino rozou o salto a División de Honra chegando por momento a liderar a final polo título de Primeira División, pero finalmente concluíu no quinto lugar con 94 puntos sen poder culminar un obxectivo que se lle escapou por moi pouco, liderando a final o Cornellá At. con 114 puntos seguido do AD Marathon con 101, equipos que lograron o ascenso.

María Ezquerro en lanzamento de disco, Sabela Castelo nos 3.000 metros lisos, Lía Caride nos 400 valos e Antía Chamosa na 5.000 marcha lograron senllos primeiros postos que permitiron soñar coa xesta, destacando ademais a marca lograda na remuda 4x400 por Eugenia Gil, Ainara Rodríguez, Lucía Sánchez del Valle e Lía Caride por tratarse dun novo récord do club.

En canto ao equipo masculino, no seu caso xa sen presión e co obxectivo conseguido, asinou un notable sétimo posto na final polo título de División de Honra, sendo o mellor resultado individual o conseguido por Dani Chamosa nos 5.000 marcha ao gañar a proba batendo o seu propio récord galego (0:19:22.50).