Apertura das inscricións para as Escolas Deportivas de Poio que ofrecen 13 actividades

Poio
17 de setembro 2025
Actualizado: 17:24

O programa 2025-2026 garante gratuidade total para familias en situación de vulnerabilidade. As Escolas Deportivas iniciarán a actividade no mes de outubro

Actividade das Escolas Deportivas en Poio
Actividade das Escolas Deportivas en Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio iniciou o período de inscricións para as súas Escolas Deportivas, que van inicarse en outubro cunha programación que abarca trece disciplinas diferentes. A oferta inclúe desde deportes tradicionais ata modalidades como kick-boxing, piragüismo e triatlón.

O concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, destacou que a iniciativa forma parte da aposta municipal polo deporte base, ofrecendo aos menores do municipio "a oportunidade de iniciarse ou continuar a súa formación deportiva nun contorno saudable, educativo e accesible".

O Concello destina 100 euros por cada escolar e curso como achega directa ao funcionamento das escolas, unha medida que reduce considerablemente os custos para as familias.

Ademais, os menores de unidades familiares con menos recursos poden acceder de forma totalmente gratuíta, sempre que a situación estea acreditada polos Servizos Sociais municipais.

"Garantimos que ningún neno ou nena quede fóra por razóns económicas", subliñou Muíños, quen explicou que esta política responde ao compromiso do Goberno local co deporte infantil e xuvenil.

A programación deportiva para o curso 2025-2026 comprende fútbol, fútbol sala, balonmán, baloncesto, triatlón-duatlón, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, atletismo, kick-boxing e rugby.

Os grupos configuraranse segundo as idades e o número de participantes, segundo avanza o Concello.

As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición. Toda a información sobre requisitos, documentación necesaria e contactos dos clubs xestores está dispoñible na web oficial do Concello de Poio.

As familias interesadas poden formalizar xa as inscricións, xa que as actividades comezarán a partir de outubro seguindo os horarios establecidos para cada disciplina.