Poio celebra o impacto de La Vuelta e agradece o "comportamento exemplar" de veciños e visitantes

Poio
11 de setembro 2025

O alcalde, Ángel Moldes, defende que a saída de etapa desde Combarro "foi algo incrible. Conseguimos facer historia, mostrar ao mundo o mellor de Poio e vivir unha experiencia única"

Saída de etapa de La Vuelta desde Combarro
Saída de etapa de La Vuelta desde Combarro / PontevedraViva

Os ecos da etapa de La Vuelta con saída o pasado martes desde Combarro seguen moi presentes en Poio.

Máis aló do accidentado final de xornada en Mos, a organización na saída desde a Praza da Chousa transcorreu con normalidade, con multitude de veciños e afeccionados ao ciclismo gozando dun dos maiores eventos deportivos dos que se organizan cada ano en España.

"Foi algo incrible. Conseguimos facer historia, mostrar ao mundo o mellor de Poio e vivir unha experiencia única que uniu a todo a veciñanza", asegura o alcalde de Poio, Ángel Moldes.

"O ambiente nas rúas de Poio foi constante xa desde o luns, cando moitas persoas se achegaban até a Praza da Chousa para comprobar a montaxe e organización dunha das probas máis importantes do ciclismo mundial. E xa o martes, día da saída, o ambiente foi espectacular. Veciños e visitantes, grandes e pequenos, afeccionados ao ciclismo, centros de ensino... Todos quixeron ser testemuñas desta xornada histórica para Poio", defende o rexedor.

Moldes quixo agradecer ademais o "comportamento exemplar" de veciños e visitantes, e celebra o gran impacto que tivo o paso de La Vuelta polo municipio.

"Poio demostrou que ten capacidade, ilusión, talento e compromiso para acoller eventos de primeiro nivel. Esta etapa de La Vuelta foi moito máis que unha cita deportiva: foi un triunfo colectivo e unha oportunidade de cara ao futuro", asegura o alcalde.

De feito o Concello cifra en máis de 4 millóns de euros o valor da promoción do municipio, sendo protagonista dunha carreira que se retransmite en 190 países do mundo, cun millón de espectadores de media por etapa e con millóns de espectadores nas redes sociais.

Son datos ofrecidos por unha consultora especializada, valorando as imaxes ofrecidas en medios de comunicación de lugares emblemáticos como Combarro, a Senda do Laño, o Bosque de Colón ou a Illa de Tambo.

A todo isto súmase o impacto directo da propia organización, xa que a caravana de La Vuelta mobiliza a máis de 3.000 persoas entre ciclistas, equipos técnicos, medios de comunicación e persoal acreditado, tendo en conta que moitos deles xa se deixaron ver en Poio un día antes ao coincidir coa xornada de descanso da proba deportiva.