Luís López, tras o ocorrido en La Vuelta: "O boicot non é unha imaxe que as Rías Baixas quería mostrar ao mundo"

Pontevedra
10 de setembro 2025
Actualizado: 14:47

O presidente da Deputación acusa de dobre moral o BNG e en particular o alcalde de Pontevedra e pregúntase "por que Lores non saíu a manifestarse cando se celebrou o tríatlon"

Saída de etapa de La Vuelta desde Combarro
Saída de etapa de La Vuelta desde Combarro / PontevedraViva

Un día despois do abrupto final de etapa de La Vuelta Ciclista a España, adiantado en 8 quilómetros polas multitudinarias protestas de apoio ao pobo palestino en Mos e con manifestacións convocadas en Pontevedra e Arcade, o vivido na rolda ciclista segue a colear a nivel político.

Este mércores valorou a situación o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presente na saída de etapa en Combarro, insistindo na súa posición de "si ao dereito de manifestación, non ao boicot, si á liberdade de expresión, non a arriscar a seguridade dos ciclistas".

"O boicot non é unha imaxe que as Rías Baixas quería transmitir ao mundo. Somos un territorio pacífico, autocordial e aberto aos cidadáns de todas as partes", defendeu o dirixente provincial.

Neste sentido, subliñou que "houbo manifestacións lexítimas por todo o percorrido de La Vuelta e un boicot que impediu o final. Máximo respecto polo primeiro, polas manifestacións, pero en ningún caso a provincia vai consentir o segundo".

"Tirar a propósito unha árbore para cortar a estrada e así impedir o paso dos ciclistas e dos vehículos non é unha manifestación. Entrar no castelo de Soutomaior, titularidade da Deputación, sen permiso non é unha manifestación. Desobedecer as forzas e a corpos de seguridade e impedir unha competición deportiva non é nin será nunca unha manifestación pacífica, nin aquí nin en ningún lado", defendeu ante os medios de comunicación.

López, que pediu na súa interlocución que o subdelegado do Goberno "asuma a súa responsabilidade e renda contas", acusou ademais o Bloque Nacionalista Galego de "dobre moral", e en especial referiuse ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, preguntándose "por que Lores non saíu a manifestarse cando se celebrou o tríatlon".

O presidente da Deputación cualificou de "perigoso precedente" o sucedido, insitiendo nas súas dúbidas de si "significa isto que o Concello de Pontevedra vai renunciar a celebración do triatrón de 2026 se hai deportistas israelitas ou outros eventos de caráter internacional se hai deportistas desa nacionalidade".

Nun plano máis xeral Luís López asegurou que "como todos eu tamén quero a paz en Gaza. Como todos, eu tamén quero que cesen as escenas de horror e masacre que se están a producir a diario, que teñen como vítimas inocentes a moitos civís, nenos e nenas, e como todos eu tamén mostro a miña solidariedade e toda a miña empatía coas vítimas e desexo que a comunidade internacional medie no conflito".

Por último o dirixente da administración provincial defendeu que "imos seguir traballando para que, cando se poida, La Vuelta regrese a esta provincia, e xa avanzo que La Vuelta volverá".