Apertura do prazo para presentar candidaturas aos Premios ao Deporte San Xoán

Poio
29 de maio 2025
Actualizado: 17:38

O Concello de Poio abrirá este venres 30 o prazo para que se presenten opcións de atletas e entidades deportivas que aspiren a acadar os galardóns que se entregarán o 22 de xuño

Entrega de Premios ao Deporte San Xoán en Poio no 2024
Entrega de Premios ao Deporte San Xoán en Poio no 2024 / Concello de Poio

O recoñecemento ao talento deportivo de Poio xa ten data no calendario. O Concello convoca unha nova edición dos Premios ao Deporte San Xoán, os galardónso buscan poñer en valor os éxitos e a traxectoria das deportistas femininas e masculinos do municipio durante a presente tempada, así como o labor desenvolvido polos clubes e asociacións deportivas locais.

A convocatoria foi aprobada onte polo Consello Municipal de Deportes, que estableceu as bases que rexerán a elección das persoas e entidades gañadoras.

Os premios entregaranse o domingo 22 de xuño, coincidindo co inicio das tradicionais festas do San Xoán.

A partir deste venres 30 e ata o luns 2 de xuño, calquera persoa ou entidade poderá presentar as súas propostas de candidaturas a través da sede electrónica do Concello.

Nos documentos deberá constar o nome das persoas candidatas e das entidades deportivas propostas, así como unha motivación detallada que xustifique a súa elección.

Unha vez pechado o prazo de presentación, será o Consello Municipal de Deportes quen analice todas as candidaturas nunha sesión convocada para o xoves 5 de xuño.

Nesta reunión, os integrantes deste órgano valorarán as propostas seguindo unha serie de criterios obxectivos entre os que destacan os éxitos obtidos a diferentes niveis (provincial, autonómico, estatal, europeo ou mundial), a superación de resultados previos, os ascensos a categorías superiores ou o recoñecemento ao traballo voluntario e á promoción do deporte no municipio.

A iniciativa pretende tamén ter en conta as particularidades de cada disciplina deportiva, valorando tanto os logros individuais como os colectivos, así como o número de licenzas das diferentes modalidades.