Apoio para un Arxil que prepara o seu regreso á Liga Feminina 2

Pontevedra
06 de agosto 2025

A presidenta e as capitás do equipo pontevedrés foron recibidas este mércores no Concello

Recepción municipal ao CB Arxil
Recepción municipal ao CB Arxil / Concello de Pontevedra

O Club Baloncesto Arxil empeza de cero tras o seu descenso da Liga Feminina Challenge.

Por iso, antes de iniciar o novo curso na Liga Feminina 2, todo apoio é pouco.

Un respaldo que as verdes recibiron este mércores do Concello de Pontevedra.

A presidenta da entidade, Milagros Sanmartín, a adestradora Marita Janeiro e as capitás do primeiro plantel, Cristina Díaz-Pache e Margarita Moreira, entrevistáronse coa concelleira de Deportes, Anabel Gulías, que ademais é delegada da empresa municipal Turismo de Pontevedra.

Con esta recepción, aseguran desde o goberno local, o Concello pretende mostrar o seu apoio ao deporte feminino e en particular a un Arxil que pasa por ser un dos clubs de referencia da cidade.

A tempada do Arxil na liga Feminina 2 dará comezo o 4 de outubro cun partido en casa contra o Ibaizábal.