Aprobado un "calendario de mínimos" no atletismo galego para retomar a competición en 2020

Pontevedra
02 de xullo 2020

Dentro das decisións tomadas pola xunta directiva e a comisión delegada da Federación Galega atópase o cambio de sede do Campionato Galego Absoluto, que se ía a disputar en abril en Pontevedra e que agora terá lugar en agosto na cidade da Coruña

Campionato Galego Absoluto de Atletismo 2019 no CGTD Cristina Saiz

A Federación Galega de Atletismo, a través dunha consulta telemática aos membros da súa xunta directiva e comisión delegada, aprobou un calendario provisional de eventos para retomar a actividade deportiva ata final de ano e recuperar no posible a normalidade tras a paralización que supuxo a alerta sanitaria.

Segundo Carlos Castro, director técnico da Federación Galega, trátase dun "calendario de mínimos" que "nace que vontade de ser todo o flexible posible en canto a ampliación de máis actividade, partindo sempre da premisa de máxima responsabilidade e prevención fronte a evolución da pandemia".

Entre as decisións tomadas destaca a relativa ao Campionato Galego Absoluto de Atletismo en Pista, que se tiña que celebrar o pasado 19 de abril no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e que agora cambia de localización. A súa nova sede será a cidade da Coruña os días 29 e 30 de agosto, con posibilidade de amplialo a unha xornada máis.

Para facilitar a consecución das marcas necesarias para participar, a Federación anuncia a realización de controis previos, os días 15 e 21 de agosto, coincidindo este último co Meeting Ourense Termal.

O Campionato Gallego Sub-14 e Sub-16 o 26 de setembro ou o Campionato Galicia Máster o 27 de setembro, aínda sen sede designada, son outras das datas importantes do calendario.

Ademais está prevista a celebración en novembro de tres xornadas da Liga Abanca (14, 21 e 28), o Campionato de Marcha en Pista (22) e en decembro o Campionato Gallego Sub-10/12/14 (día 19) e o Campionato Galego de Probas Combinadas (26 e 27).

En canto ás competicións en ruta "está a traballarse para podelos encaixalos no mes de novembro atendendo as características e complexidades destas probas", sinala a Federación.

Desta forma, e á espera da confirmación de máis eventos no panorama nacional, os clubs pontevedreses poden empezar a fixar obxectivos deportivos nos seus adestramentos, agora que puideron ir entrando aos poucos no seu particular 'nova normalidade'.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora