Arquivada a denuncia do Pontevedra a José Manuel Fernández e Milo Abelleira por estafa

Pontevedra
23 de agosto 2017

O Xulgado de Instrución 3 de Pontevedra decretou o sobresemento provisional e o arquivo das causas abertas por un suposto delito de estafa e de administración desleal, entre outros. O club granate confirmou a PontevedraViva que recorrerá a decisión xudicial

José Manuel Fernández, na súa etapa como presidente do Pontevedra
José Manuel Fernández, na súa etapa como presidente do Pontevedra / Mónica Patxot

O Xulgado de Instrución 3 de Pontevedra decretou o sobresemento provisional e o arquivo das causas abertas no seu momento por un suposto delito de estafa e de administración desleal, entre outros, cara ao ex-presidente do Pontevedra, José Manuel Fernández, e o ex-adestrador Milo Abelleira.

O actual Consello de Administración do club granate presentara a denuncia tras a aparición durante o xuízo laboral entre o club e Abelleira dun recoñecemento de débeda asinado polo ex-dirixente e ex-técnico, por un importe de 104.355 euros máis o 10% dos despachos de billetes das fases de ascenso das tempadas 2013-2014 e 2014-2015.

Entendía o Pontevedra que ese recoñecemento foi asinado o 20 de xuño de 2014, 11 días despois de que Fernández fose apartado do seu cargo e por tanto non estaría autorizado a asinalo. Ademais non estaba conforme coas cantidades reflectidas, asegurando que gran parte estaban prescritas.

Con todo, unha vez analizada a documentación achegada, a xuíza decidiu arquivar a causa baseándose en que o contrato en cuestión de recoñecemento de débeda foi presentado e analizado anteriormente en sede xudicial, no citado proceso que tivo lugar no Xulgado Social 4 de Pontevedra, e por iso "resulta superfluo e fóra de lugar que se cuestione agora en vía penal se as cantidades fixadas na devandita sentenza son correctas", xa que a proba desa veracidade "houbo de practicarse na devandita xurisdición, non na vía penal", xustifica o auto con data deste martes 22 de agosto.

Por ese motivo "de ningún xeito corresponde ao xulgado de instrución revisar a valoración da proba efectuada polo xulgado do social", incide a maxistrada na súa argumentación.

Tras ter acceso á resolución xudicial PontevedraViva púxose en contacto coa presidenta do actual Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, quen se mostrou contrariada por esta decisión e estrañada pola data do auto, tendo en conta que agosto é un mes practicamente inhábil a efectos xudiciais. A dirixente confirmou ademais que "recurriremos" para seguir velando polos intereses do club granate.