Arte, boxeo e solidariedade únense na poxa 'Lienzos de 12 onzas', organizada por Luva Boxing Club, a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
A iniciativa reunirá doce luvas de boxeo únicas, intervidas e creadas por doce artistas nacionais, que poderán verse nunha exposición aberta ao público e polas que se poderá poxar de forma solidaria. A recadación destinarase a apoiar os programas e servizos da asociación.
A inauguración será este sábado 25 de abril no local de Luva Boxing Club (José Millán, 7) e despois, desde o día 27, estarán expostos en Sentia Pilates (Peregrina, 52), onde as persoas interesadas poderán poxar de maneira secreta pola luva que máis lles guste.
No acto de presentación, o director-fundador de Luva, Jonás Rodríguez, explicou que a idea está "intimamente ligada co centro". Todo empezou cando lle propuxo a un amigo seu a idea de montar este tipo de ximnasio en Madrid "alá polo ano 2015", lembra.
"Eramos amantes do boxeo e practicabámolo, pero non entendiamos por que estaba tan limitado a unhas esferas e ambientes encerrados e pouco accesibles, así que quixemos facer que chegase a todo o mundo e sacalo deses garaxes onde se practicaba", explica.

En Luva "quitamos a parte máis agresiva, esa parte do contacto, pero ensinamos toda a esencia e toda a pureza do boxeo que nós aprendemos. Entón, cando empezamos con isto, xa estabamos a buscar locais para montar o ximnasio e, antes de telo, xurdíannos ideas a gallarón. Unha delas", subliña, "foi a de facer unha exposición de luvas pintadas por artistas".
Jonás viviu en Malasaña, un barrio "moi de artistas, de pintores, de actores e de músicos. Queriamos enlazar un pouco o boxeo con esa arte que nós viviamos día a día. Cando o vin todo máis tanxible e de cerca, pensei que o mellor era facelo coa Asociación Española Contra o Cancro e así facer unha labor un pouquiño máis solidaria", indica.
A exposición reúne obras de doce artistas de recoñecido e diverso percorrido como David Bustamante, Álvaro Pérez Fajardo, Alisa Fomina, Borja Bonafuente, Ana Ramos, Marco Sanz, Miguel Ángel Álvarez, Mario Pasqualotto, Meli Palacios, Mario Prado, Mito Meijón e a nova artista Alicia López, achegando cada un a súa visión persoal para transformar as obras en algo único e irrepetible.
Unha das obras, explica Rodríguez, é un armazón de metal formado por 14 pezas diferentes que simbolizan cada un dos asaltos da terceira pelexa entre Mohamed Ali e Joe Frazer. O debuxo é unha codificación do número de golpes, de quen levaba a iniciativa e de quen dominaba a pelexa nese momento.

"É un algoritmo matemático que che codifica todo iso e faiche para cada asalto unha piecita desas", sinala. Dentro, "para agradecernos o montar isto", o artista meteu unha luva do centro "tal cal está, co noso logo. Non é visualmente a que máis me gusta, pero a idea é unha tolemia, paréceme espectacular", asegura.
A poxa será secreta, cun prezo de saída de 150 euros para a maioría de luvas salvo un, que é un pouco máis caro. A xente deberá meter as súas poxas nunhas urnas e o que faga a doazón máis alta será o que leve a luva.
Na presentación oficial, que será este sábado, haberá un cartel diante de cada luva co nome e unha pequena descrición do artista. As persoas interesadas meterán un papel co nome da obra e o diñeiro que queiran achegar.

A partir do luns 27, a exposición trasladarase a Sentia, onde se poderá seguir poxando até o 9 de maio. Ese día abrirán a urna e chamarán os gañadores.
O importante, afirma a presidenta provincial da AECC en Pontevedra, Ana García, é que o diñeiro "irá destinado á investigación e a seguir coidando dos pacientes. Tivemos un ano incrible", asegura, "axudamos a moitísimos pacientes, batemos marcas de asistencia psicolóxica e de rehabilitación de coidados, e todo iso é grazas a estas iniciativas".
Engade Pontevedra viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.