Arthur Neves e o CW Pontevedra separan os seus camiños tras dúas tempadas xuntos

Pontevedra
07 de xullo 2026

O técnico brasileiro non continuará dirixindo o equipo pontevedrés na próxima campaña en Primeira Nacional e di adeus ao club tras dúas exitosas tempadas

Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o Leioa WP no Rías do Sur

O banco do Club Waterpolo Pontevedra queda vacante tras o recente anuncio da non continuidade de Arthur Neves como técnico do primeiro equipo feminino.

Foron dúas exitosas tempadas co brasileiro á fronte do proxecto lerezano que chegan ao seu fin tal e como comunicou a entidade pontevedresa.

Destaca especialmente esta última campaña en Primeira Nacional na que Arthur Neves, ademais de lograr o obxectivo primario da permanencia, logrou clasificar o equipo ao play-off de ascenso a División de Honra, máxima categoría do waterpolo español.

Fíxoo finalizando en terceira posición a segunda fase da liga regular e logrando así a mellor clasificación da historia do waterpolo galego e pontevedrés.

Ademais, o seu equipo tamén asinou unha destacable actuación na Copa Federación que lles valeu para alzarse coa medalla de bronce.

É momento de buscar un substituto de garantías para o banco dun Waterpolo Pontevedra que xa traballa no novo proxecto para competir en Primeira Nacional.

Equipo infantil do CW Pontevedra no Campionato GalegoClub Waterpolo Pontevedra

CAMPIONATO GALEGO INFANTIL DE VERÁN

A actualidade do club lerezano tamén pasa polo Campionato Galego Infantil de verán disputado esta fin de semana na piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur e que proclamou como campión a un dos dous equipos do CW Pontevedra que participaron nesta edición.

En concreto foi o denominado CWP Rías do Sur, equipo formado polos infantís do club, quen logrou completar unha brillante actuación que lles levou a terminar en primeira posición sen perder ningún encontro. Para iso venceron a CW Lugo, CW Santiago B e CW Santiago A Merenguela.

Tamén participou o CWP Boa Vila, equipo formado por xogadores de categoría alevín.

A pesar da diferenza de idade, os máis pequenos terminaron o torneo en quinta posición tras caer no primeiro partido ante o CW Santiago B e gañar nunha axustada semifinal polo quinto e sexto posto ao CW Lugo (8-9).