Arxentina espera a incorporación do teucrista Gonzalo Carró en plena preparación do Mundial Júnior

Pontevedra
05 de xuño 2015

O pivote do Teucro, de pais arxentinos, incorporarase o martes 9 de xuño á concentración da albiceleste, que prepara xa a súa participación no Campionato do Mundo Júnior que terá lugar en Brasil a partir do 20 de xullo

Carró (centro) durante un adestramento do Teucro no Municipal
Carró (centro) durante un adestramento do Teucro no Municipal

A ilusión de participar no Campionato do Mundo Júnior de Balonmán está un pouco máis preto para Gonzalo Carró, 'Chalo'.

O pivote da Sociedad Deportiva Teucro, de pais arxentinos, viaxará o próximo luns ao país sudamericano para incorporarse aos adestramentos da selección albiceleste.

Carró conta coa confianza do seleccionador, Guillermo Milano, o que o levou a tomar a decisión de cambiar de cores, tras defender os das categorías inferiores de España.

"Un Mundial sempre ilusiona. É unha grande oportunidade para seguir crecendo no deportivo e no persoal. Afronto esta experiencia con moita ilusión e espero axudar a Arxentina en todo o posible", recoñece o teucrista.

Chalo afrontará nos próximas semanas varios encontros amigables, o primeiro deles o martes, nos que deberá demostrar que ten sitio na Selección Arxentina de cara ao Mundial Júnior de Brasil que arranca día 20 de xullo.

Arxentina enfrontarase na fase de grupos do Mundial a Dinamarca, Francia, Chile, Corea do Sur e Alxeria. Antes de chegar aí, nos choques de preparación terán diante ao combinado de Costa Rica e a varios clubs arxentinos.