Con máis calma da inicialmente prevista pero a Sociedade Deportiva Teucro avanza na confección do equipo que competirá a próxima tempada na máxima categoría do balonmán nacional.
Despois de anunciar a súa primeira fichaxe, a do central vasco Erik Balenciaga, o club azul confirmou a primeira renovación, a David García Pichel.
O lateral carballés, que chegou ao Teucro en verán de 2013, continuará defendendo a elástica azul durante unha tempada máis no que será o seu terceiro ano no club, intentando manterse como unha das referencias ofensivas para Quique Dmínguez.
Pichel únese así a Balenciaga e aos dous xogadores que teñen contrato en vigor, Dani Hernández e Gonzalo Carró.
Por outra parte o Teucro anunciou tamén a baixa de César Armán, do que asegura "non puido demostrar todo o seu potencial por culpa das continuas lesións" e ao que agradece o seu traballo durante a súa estanza na entidade pontevedresa.