Acordo para a renovación de Ricardo Amérigo e adeus a Marcos Dorado

Pontevedra
11 de xuño 2015

O Teucro confirmou a continuidade por unha tempada máis do gardameta Ricardo Américo. Dorado, pola súa banda, non aceptou a oferta de renovación do club e abandona a entidade pontevedresa tras dúas tempadas

Richi Amérigo durante un adestramento do Teucro no Municipal
Richi Amérigo durante un adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

O Teucro continúa esfollando a margarida e pouco a pouco vai a dando a coñecer a composición do seu plantel de cara ao regreso á Liga Asobal.

Tras a fichaxe de Balenciaga e a renovación de Pichel, a entidade pontevedresa confirmou este xoves que chegou a un acordo con Ricardo Amérigo para a súa continuidade en Pontevedra.

O gardameta andaluz cumprirá así a súa segunda tempada no club azul tras ser un piar importante na consecución do campionato da División de Honra Prata, liga na que o equipo pontevedrés encaixou unha media de 28 goles por partido.

Amérigo renova por un ano, pero non así Marcos Dorado, que segundo o club teucrista non aceptou a oferta de renovación trasladada pola directiva.

Dorado, que levaba dous anos defendendo a camiseta do Teucro, deixa un oco no pivote que deberá ser cuberto con algunha nova incorporación.