Importante fichaxe na Sociedad Deportiva Teucro, que confirmou a volta ao equipo despois de dous anos de José Manuel Rial.
O lateral vigués, que xa militou na entidade pontevedresa, regresa á disciplina azul tras a súa etapa de dúas tempadas na Liga Asobal, na que militou nas filas de BM Aragón, Naturhouse La Rioja e Juanfersa Gijón, chegando a xogar co segundo destes equipos a EHF Champions League.
Tras un agridoce ano en Asturias, onde o seu equipo rematou descendendo pero foi peza importante para chegar á final a catro da Copa do Rei, Rial decidiu volver a casa para achegar a súa experiencia na máxima categoría defendendo as cores do Teucro.
É unha das claves para o seu novo técnico, co que xa coincidiu no Academia Octavio e que sinala que "é moi importante que xa ten experiencia en Asobal". Ademais, explica Quique Domínguez, "é un bo defensor, que pode actuar tanto no centro coma no penúltimo e nos achegará lanzamento exterior,".
Tamén foi importante que "xa coñece o club e a moitos dos que van ser os seus compañeiros de novo", sinalou o adestrador pontevedrés en relación á anterior etapa do xogador na cidade de Lérez, na que se erixiu como un dos piares do equipo que xogou a fase de ascenso a Asobal en Irún.
José Manuel Rial comprométese co Teucro para as dúas próximas tempadas, converténdose na segunda fichaxe do club azul tras a de Erik Balenciaga.