O Arxil apura as súas opcións de salvación tras gañar con autoridade ao Robles Lleida

Pontevedra
21 de marzo 2026

O conxunto pontevedrés mantén vivo o milagre da permanencia despois de gañar ao Robles Lleida (72-65). A derrota do Siroko Gijón permite ao Arxil seguir con opcións de salvarse

Partido entre o Arxil e o Robles Lleida
Partido entre o Arxil e o Robles Lleida / Cristina Saiz

O Arxil necesitaba unha dobre carambola para chegar ás tres últimas xornadas con opcións de salvarse, e todo saíu ao pedir de boca. En primeiro lugar, o equipo de Marita Janeiro fixo os papeis e impúxose con solvencia (72-65) ao Robles Lleida, que descende matematicamente con este resultado.

Doutra banda, as pontevedresas necesitaban que o Siroko Gijón perdese o seu encontro fronte ao Maristas Coruña, resultado que tamén se cumpriu. Aínda que a permanencia segue sendo posible, a realidade é que as contas aínda son complicadas. O Arxil necesita gañar as tres xornadas que restan e que o Gijón perda en todas elas. O último partido de liga é precisamente un enfrontamento entre galegas e asturianas.

O inicio do equipo Pontevedrés foi inmellorable cun parcial de 10-2 no primeiros cinco miuntos de partido. As tornas investíronse e o conxunto catalán devolveu o golpe cun parcial de 0-8 que puxo a igualdade ao marcador.

Desde ese momento mantívose a igualdade con ambos os equipos algo máis desacertados en ataque e correctos en defensa, chegando ao final do primeiro cuarto con 16-18 no marcador.

O encontro púxoselle máis ben gris ao Arxil no arranque do segundo tempo cun novo parcial, nesta ocasión de 0-10, por parte do Robles Lleida. Carlota Faussurier terminou coa seca do conxunto verde ao anotar dous tiros libres a cinco minutos do descanso.

Aínda que se recuperou aos poucos o equipo de Marita Janeiro, que se puxo tres puntos por baixo (26-29), un novo arreón do cadro visitante nos minutos finais levou o encontro 28-37 ao ecuador.

No terceiro cuarto produciuse a resurrección do conxunto pontevedrés, que lle deu a volta ao marcador en dous minutos cun parcial de 10-0 con Chasse como principal protagonista (38-37).

Reaccionou o Lleida pero máis o fixo o Arxil, que cun gran desempeño nos minutos finais logrou unha vantaxe de 11 puntos (52-41) ao termo do terceiro tempo.

Non lle pesou o resultado ás pontevedresas como si lles sucedeu noutras ocasións. O conxunto local, que viu como o Lleida se achegou perigosamente ao marcador nos primeiros minutos do último cuarto (54-51), ampliou de novo a súa renda até porse 58-51 a catro minutos da conclusión.

Chasse volveu aparecer con dous triplos consecutivos que deixaron o encontro practicamente sentenciado en favor do conxunto verde (64-55). A reacción do Lleida foi en balde, pois o encontro terminou con vitoria do Arxil por 72-65, resultado que deixa matematicamente descendido ao conxunto catalán.

O conxunto lerezano repite en casa a próxima xornada fronte o Aceites Abril Adba Sanfer, equipo que é décimo na clasificación e que xa ten a salvación asegurada.

Consulta a acta neste enlace.