O Club Baloncesto Arxil encaixou a súa terceira derrota consecutiva ao caer este sábado ante o Mipelletymas León, rival da zona alta da táboa, por un claro 83-60.
O conxunto pontevedrés, a pesar de chegar á cita minguado polas baixas, soubo competir até o descanso e chegou a estar a tan só tres puntos do empate, pero unha serie de erros de face ao aro acabou custándolle caro.
As de Marita Janeiro entraron ben ao partido, cun arranque de 4-9 que non tardou en igualar o equipo local. O Arxil volveu escaparse en cinco puntos (11-16), pero ao final do primeiro cuarto encaixou un parcial de 7-0 que volteou o duelo (18-16).
A partir de entón, o conxunto leonés foi a máis con dous triplos consecutivos de Benítez que obrigaron á adestradora verde a parar o tempo (26-18).
Flores reenganchou ao seu equipo con dúas boas accións (31-25), dando paso a unha serie de minutos nos que a baixa porcentaxe de anotación e o intercambio de canastras impedían reducir a brecha. O Arxil chegou a estar a catro puntos, pero as canastras de Martín e Lucía García situaron o 39-33 co que se chegou ao intermedio.
No arranque do terceiro cuarto, Maestro e Flores lideraron a reacción visitante e colocaron o 45-42 no marcador, pero o León respondeu cun parcial de 10-0 que lle deu a máxima vantaxe do enfrontamento. As visitantes encadearon os seus peores minutos e atascáronse en ataque, mentres o seu rival ampliaba a renda até un 16-0 que situaba o 61-42 demoledor.
O último cuarto arrincou cun triplo de Flores que cortou a seca dun equipo pontevedrés que tirou de orgullo para reengancharse na pelexa, pero a falta de efectivos acabou condicionándolle a nivel físico. Faussurier recortou distancias (67-53), pero as canastras de Díaz e de Benítez despexaron calquera opción de sorpresa (75-54).
Xa no tramo final, Flores anotou o seu cuarto triplo do partido que elevou a súa renda persoal até os 20 puntos (79-60), pero Mansila e Rodríguez sentenciaron con senllas canastras desde dentro do perímetro (83-60).
Consulta as estatísticas neste enlace