Arxil corta a sangría de resultados negativos vencendo a domicilio a Lima Horta (63-70)

Pontevedra
04 de marzo 2018

Con altibaixos na primeira parte, pero con solvencia na segunda, as mozas de Mayte Méndez cimentaron o seu triunfo nun sensacional terceiro cuarto, tanto en defensa como en ataque, e desnivelaron a balanza co que tantas veces foi o seu talón de aquiles, o acerto no tiro exterior

Partido entre Arxil e Lima Horta no CGTD
Partido entre Arxil e Lima Horta no CGTD / Diego Torrado

Enfrontábanse as dúas xeiras negativas máis acusadas na actualidade. Arxil, con cinco derrotas consecutivas, visitaba a pista do Lima Horta de Barcelona, que levaba pola súa banda catro derrotas e estaba a un só triunfo do conxunto verde. Ao final foron as pontevedresas as que levaron o gato á auga, sacándose a espiña do triunfo das catalás na primeira volta e poñendo unha distancia de dúas sobre un rival directo para eludir un posible play-off de permanencia.

Con altibaixos na primeira parte, pero con solvencia na segunda, as mozas de Mayte Méndez cimentaron o seu triunfo nun sensacional terceiro cuarto, tanto en defensa como en ataque, e desnivelaron a balanza co que tantas veces foi o seu talón de  aquiles, o acerto no tiro exterior, que nesta ocasión xogou a favor das pontevedresas, cun destacado 64% en tiros de dous (25 de 39 intentos), para un total do 56% (27 de 48) en tiros de campo, por un pobre 39% (26 de 66) das locais.

O outro aspecto diferencial estivo nas faltas persoais, nas que as catalás se viron máis castigadas (22 cometidas por 9 do Arxil), que permitiu ás pontevedresas saír sen danos do elevado número de balóns perdidos (15) noutro dos puntos para corrixir.

Os comezos do Arxil foron bos. Sólidas en defensa, as verdes anotábanse o primeiro parcial (13-18), para pasar a sufrir no segundo, especialmente no aspecto ofensivo, o que fixo que Lima  Horta remontase (20-11) para retirarse mandando ao descanso (33-29).

Pero nesta ocasión o paso polos vestiarios sentou ben ao Arxil, que saíu no terceiro cuarto de forma irresistible logrando un contundente parcial de 14-26 para entrar mandando no últimos dez minutos cunha importante renda de oito puntos (47-55).

Aínda que o tentou, Lima Horta non puido no último cuarto no que o Arxil mantívose firme cedendo por un só punto (16-15) para terminar gañando con solvencia (63-70), e romper a súa dinámica negativa de resultados.

Consulta o acta do partido Lima Horta-Arxil nesta ligazón.