Arxil e Peixe Galego cumpren o trámite e inscríbense en LF2 e LEB Ouro

Pontevedra
12 de xullo 2016

Ambos os clubs confirmaron nas últimas horas que entregaron a documentación necesaria á Federación Española de Baloncesto, asegurando o aval esixido e o custo da inscrición

Tempo morto do Peixe Galego nun partido da tempada 15/16 Diego Torrado

Acabou a incerteza, sobre todo no caso do Peixe Galego. A falta de que a Federación Española de Baloncesto analice a documentación presentada e vexa que cumpren todos os requisitos esixidos, tanto o club marinense como o Arxil de Liga Feminina 2 competirán na categoría que lles corresponde por dereitos deportivos.

Nas últimas horas ambos os clubs confirmaron a entrega da documentación necesaria á FEB para formalizar a súa inscrición, incluíndo o aval e o custo da praza, requisitos indispensables.

Desta forma o Peixe Galego cumpre o seu primeiro obxectivo, asegurar a súa presenza na segunda categoría do baloncesto nacional, a LEB Ouro, e céntrase xa en avanzar na composición dun plantel que só ten dúas pezas confirmadas, a do adestrador Javi Llorente e o base Manu Ferreiro.

Pola súa banda o Arxil competirá un ano máis na Liga Feminina 2, a antesala da elite, coa esperanza de poder repetir o éxito de hai dúas tempadas e pelexar polo play-off de ascenso á máxima categoría.

No seu caso, coa composición do equipo encamiñada, só a incerteza económica frea polo momento as últimas fichaxes, xa apalabradas, pero á espera de que frutifiquen as negociacións que a directiva pontevedresa mantén con varias empresas para asegurar o seu orzamento.