O Arxil non pode co Unicaja Mijas

Pontevedra
25 de xaneiro 2025
Actualizado: 23:42

O cuarto clasificado, Unicaja Mijas, foi demasiado rival para un Arxil que só se mantivo no partido durante a primeira metade e que segue afundido na Liga Feminina Challenge

Partido de LF Challenge entre Arxil e Unicaja Mijas
Partido de LF Challenge entre Arxil e Unicaja Mijas / Cristina Saiz

Segue sen romper a súa mala serie o Club Baloncesto Arxil na Liga Feminina Challenge, na que acumula 14 xornadas consecutivas caendo derrotado.

Certo é que nesta ocasión visitaba a pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva un duro rival, o Unicaja Mijas que chegaba como cuarto mellor equipo da competición.

As pontevedresas, dispostas a pesar das adversidades a plantar cara, fixérono nun igualado primeiro cuarto (20-20), pero aos poucos foron perdendo folgos.

O cadro visitante, comandado en ataque por Margarita Bridget e Brianna Herlihy, comezaba a desnivelar a balanza nun segundo parcial con gran acerto ofensivo, chegando ao descanso cun resultado de 39-53.

Malia a achega de Nerea Liste no apartado anotador (21 puntos e 30 de valoración), a brecha agrandouse no terceiro cuarto para chegar aos últimos 10 minutos de xogo con todo decidido (57-81).

Foi no último período cando o Unicaja levantou o pé do acelerador e permitiu ao Arxil maquillar un pouco o resultado (75-90 final), pero sen chegar a poder pelexar polo triunfo.

Con esta nova derrota o equipo dirixido por Marita Janeiro ve como se afasta cada vez máis a permanencia na categoría.

Consulta aquí as estatísticas do partido entre CB Arxil e Unicaja Mijas.