A sorte non estivo ao lado do Arxil no encontro deste sábado en Barakaldo. O equipo pontevedrés, que sufriu un doloroso parcial de 22-8 no terceiro tempo, logrou unha espectacular remontada no último cuarto que se viu frustrada a tres segundos do final.
Arrincou moi ben o Arxil, que se puxo por diante no marcador desde ben cedo. A entrada a pista de Kelly Chasse, que terminou o partido con 20 puntos na súa conta particular, sentou ben ao equipo lerezano. Tanto foi así que se chegou ao final do primeiro cuarto con 10-14 no marcador.
Aumentou a igualdade nun segundo cuarto que esta vez levou o equipo local. Un parcial de 8-2 nos últimos minutos fixo moito dano a un Arxil que chegou ao descanso do partido por baixo (23-22).
No terceiro cuarto ocorreu o desastre absoluto. Tras dous tempos de dominio e alternativas, o Barakaldo someteu ao conxunto pontevedrés grazas, en parte, a unha exhibición de xogadoras como Paula García ou Mareme Diop.
Un parcial de 16-3 deixou moi tocado ao Arxil, que tivo que afrontar o último cuarto con 15 puntos de desvantaxe (45-30). Lonxe de tirar a toalla, chegou a reacción pontevedresa.
Marta Mestre inaugurou o último tempo cunha canastra desde o perímetro e Kelly Chasse acurtou distancias cun lanzamento de tres.
Foi fundamental a defensa do conxunto lerezano, que non permitiu ao Barakaldo anotar até pasados cinco minutos desde a continuación. A remontada xa era unhas feito grazas ao acerto de María González desde os tiros libres. O marcador era de 49-52 a falta de 30 segundos.
A pesar de que Diop puxo o 51-52, Chasse gozou de dous tiros libres a falta de 20 segundos para sentenciar o encontro. Con todo, a xogadora do Arxil errou os dous e a propia Diop deulle a volta ao marcador para anotar o definitivo 53-52 a tres segundos da conclusión.
Chasse tentouno sen éxito sobre a bucina. Dolorosa derrota para un Arxil que se complica enormemente a permanencia na liga Feminina 2.
Consulta as estatísticas neste enlace