O Arxil volve sorrir un mes despois tras superar o TGN Bàsquet

Pontevedra
07 de febreiro 2026

O conxunto pontevedrés, cunha gran Chasse ao mando, impúxose por 65-51 ao pechacancelas tras un impecable último cuarto

Partido entre Arxil e TGN no CGTD
Partido entre Arxil e TGN no CGTD / Cristina Saiz

O Club Baloncesto Arxil volveu atoparse coa vitoria un mes despois do seu último triunfo ao imporse este sábado ao pechacancelas TGN Bàsquet no CGTD.

O equipo de Marita Janeiro arrincou o encontro cun bo parcial de 6-0, pero as catalás foron entrando aos poucos no partido até colocarse a só un punto do empate (13-12). Chasse, case sobre a bucina, apareceu para anotar desde dentro do perímetro e deixar o marcador en 15-12.

No segundo cuarto o Arxil deu un paso adiante e manexou rendas importantes, chegando a dispor dunha máxima de 9 puntos (25-16).

A partir de aí, ambos os equipos encadearon varios minutos de desacerto ante o aro, aínda que coas verdes sabendo conservar a iniciativa para marchar ao descanso cunha lixeira vantaxe (29-21).

Pero tras o paso polos vestiarios chegaron os peores minutos dos locais. O TGN Bàsquet pisou o acelerador e conseguiu dar a volta ao marcador, asinando un terceiro cuarto moi serio que mandou o partido aos últimos dez minutos con todo por decidir (40-42).

No último período emerxeu de novo a figura de Chasse, que se botou o equipo ás costas e anotou o sete primeiros puntos do cuarto, devolvendo a vantaxe ao Arxil (47-42).

Ademais, no primeiros catro minutos as pontevedresas só concederon dous puntos, mentres Margarita Moreira e María González acertaban desde fóra do perímetro e elevaban a renda até o 53-44.

A partir de aí, o Arxil soubo manterse firme, controlou o ritmo e estirou a diferenza até os 15 puntos a falta de 30 segundos (65-50). Torruella, desde a liña de tiros libres, anotou o último punto do encontro para selar o 65-51 final.

Consulta as estatísticas neste enlace