O Club Baloncesto Arxil caeu por un axustado 54-51 na súa visita ao ABDA Sanfer de Avilés, no último partido do ano antes do parón do Nadal.
O conxunto pontevedrés, a pesar da súa posición na parte baixa da táboa, ofreceu unha boa imaxe ante un dos equipos da parte alta da táboa e competiu de ti a ti até os últimos segundos.
O encontro comezou con máxima igualdade e constantes alternativas no marcador ata que un triplo de Helena Prats no último suspiro permitiu ás locais pechar o primeiro cuarto cunha lixeira vantaxe (13-10).
O segundo período tivo claro cor verde. O Arxil elevou o seu nivel defensivo, dominou o rebote e atopou fluidez en ataque, asinando un parcial de 6-17 que lle permitiu darlle a volta ao partido e marcharse ao descanso na cabeza (19-27).
Pero tras o paso por vestiarios o equipo avilesino reaccionou. Mostrouse máis agresivo e foi recortando aos poucos a diferenza. Aínda así, o Arxil mantivo a cabeza fría e logrou conservar a vantaxe, aínda que máis reducida, ao termo do terceiro cuarto (35-38).
No último período, o ABDA Sanfer atopou a súa mellor versión e acertou nos momentos clave para asinar un parcial de 19-13 que lle deu a volta ao marcador e permitiulle asegurar a vitoria por un axustado 54-51.
No plano individual destacou María González con 12 puntos e 9 rebotes, mentres que Marta Maestro igualou as súas 12 puntos, converténdose ambas nas máximas anotadoras do conxunto verde.
O Arxil pecha o ano coa mirada posta en xaneiro, cando volverá competir en Asturias tras tres semanas de parón, esta vez fronte ao Gijón Basketball o 10 de xaneiro.
Consulta as estatísticas neste enlace