O Club Baloncesto Arxil non levanta cabeza.
O equipo pontevedrés sufriu este sábado unha nova derrota, e xa van catro consecutivas, despois de caer por un contundente 66-38 fronte ao TGN Basquet.
Desde o arranque, as locais impuxeron o seu ritmo e colocáronse por diante grazas a un triplo de María García. Aínda que Chasse reduciu distancias, o conxunto catalán aproveitou os erros ofensivos do rival para subir o 12-4 ao catro minutos de xogo.
O Arxil reaccionou e apertou o marcador (14-12), pero un novo apagamento nas filas do equipo verde converteuse nun 20-12 ao termo do primeiro cuarto.
O segundo foi un calvario para as de Pontevedra, que encaixaron un parcial de 21-8 pola falta de acerto e certas lagoas defensivas. O TGN Basquet controlou o encontro con comodidade e ampliou a vantaxe a 41-20 ao descanso, deixándoo case sentenciado.
Tras a volta dos vestiarios, o Arxil deuse por vencido e sumou só 6 puntos no terceiro cuarto fronte aos 13 das locais (54-26).
O último período foi un intercambio igualado (12-12), pero sen posibilidade para que as pontevedresas puidesen remontar (66-38).
Con esta derrota, o Arxil acumula xa catro partidos sen gañar que o manteñen no faroliño vermello da clasificación.
Consulta as estatísticas neste enlace