As baixas condicionan ao Leis masculino e o feminino rasca un punto a domicilio

Pontevedra
06 de marzo 2017

O equipo masculino, con varios xuvenís na convocatoria, viuse superado no Municipal ante o Cuéllar (0-3) e non logra escapar da penúltima posición. O conxunto feminino pola súa banda logrou un valioso punto na cancha do Chiloeches

Partido entre Leis e Cuellar no Municipal
Partido entre Leis e Cuellar no Municipal / Diego Torrado

Non consegue deixar atrás o seu mal momento de resultados o Leis Pontevedra na Segunda B masculina de fútbol sala. Tampouco están a axudar as baixas que tivo que afrontar o equipo.

Así, sen Miguel e sen Borja e con tres xuvenís na convocatoria, afrontou o equipo pontevedrés o seu encontro do fin de semana no Municipal ante o Cuellar, terceiro da liga.

Os de Manu Cossío caeron por 0-3 nun choque igualado, pero que se decantou en favor dos visitantes no tramo final. No inicio o Cuellar tentaba levar a iniciativa, cos locais presionando e buscando unha contra. Así foron pasando os minutos ata o descanso, con ocasións pero sen goles.

Na segunda metade o Leis saíu disposto a levar a iniciatuva, e conseguiuno ata que o Cuellar, no minuto 28 e tras unha xogada ensaiada, conseguía o primeiro gol do partido. Os pontevedreses lanzáronse a pola igualada e Manu Cossío apostou polo xogo de cinco no minuto 32.

Tivo ocasións o bloque local, pero a defensa e o acerto do guardamenta visitante non deron opción ata que o 38 o Cuellar sentenciou co segundo tanto. O marcador redondeouse a falta de escasos segundos para o final.

Coa derrota o Leis segue na penúltima posición con 10 puntos.

EMPATE DO LEIS FEMININO EN GUADALAXARA

Importante punto o conseguido polo Leis na Segunda División Feminina na súa visita ao Chiloeches de Guadalaxara (0-0) nun partido que se puido decantar para calquera dos dous bandos.

Pese ao dominio das pontevedresas na primeira metade, a pesar de gozar de ocasións, non houbo goles, mentres as locais inquietaban en xogadas de estratexia. Xa no segundo acto o Chiloeches mellorou e acontoou por momentos ao Leis, pero a boa actuación de Tami impediu que se adiantasen.

O partido acabou cunha dobre ocasión. Ali fallou un man a man que podía dar o triunfo ao Leis e no rexeite o balón pega na man da pontevedresa decretando os árbitros dobre penalti, pero as locais non aproveitaron a ocasión, como tampouco un segundo dobre penalti que lanzaron á madeira.

O empate permite ao Leis escapar da última posición e comprime a loita pola permanencia, cos tres últimos equipos empatados a 14 puntos.