As baixas non poden co Poio Pescamar e imponse ao Bilbo por 3-1

Poio
29 de febreiro 2020

Traballada vitoria do Poio Pescamar esta fin de semana no pavillón da Seca ante o Bilbo. A pesar das baixas importantes coas que chegou á cita, o conxunto vermello foi capaz de impoñerse ao seu rival e con iso, sumar dous valiosos puntos que lle permiten escalar á quinta praza despois da derrota do Penya Esplugues

Partido entre Poio Pescamar e Bilbo na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Bilbo na Seca / Cristina Saiz

Traballada vitoria do Poio Pescamar esta fin de semana no pavillón da Seca ante o Bilbo. A pesar das baixas importantes coas que chegou á cita, o conxunto vermello foi capaz de impoñerse ao seu rival e con iso, sumar dous valiosos puntos que lle permiten escalar á quinta praza despois da derrota do Penya Esplugues.

O Poio fíxose co dominio do balón desde o asubío inicial pero sen acerto de fronte ao gol chegando a estrelar tres remates aos paus da portería visitante, ata chegar ao minuto 9 de encontro, cando Anna Escribano recibiu no á dereita e tras unha xogada persoal superou cun disparo raso á porteira e puxo o 1-0 no marcador.

O gol fixo que as locais se relaxasen e xogasen máis tranquilas, logrando aos cinco minutos do primeiro gol, ampliar a renda cun tanto de Irene García a pase de Ana Rivera.

Co 2-0, o Bilbo tentou recortar distancias nos últimos compases da primeira metade, pero o marcador non variou e alcanzouse o ecuador do partido.

Tras o descanso, as vermellas continuaron dominando pero sen ampliar a renda, e na medianía do segundo acto, tras un erro no despexe de Caridad tras o disparo de Elena, Jess aproveitou e enviou o balón á rede para recortar distancias.

Chegábase aos últimos minutos de xogo e co 2-1 no luminoso, as de Bilbao optaron polo xogo de cinco co que lograr a igualada, pero Dani Sousa aproveitou a porta baleira e tras o roubo de balón e percorrer a pista en solitario, enviou o balón á rede para sentenciar o encontro.

POIO PESCAMAR (3): Caridad; Ana Rivera, Mirian, Irene García e Dani Sousa (quinteto inicial). Tamén xogaron, Iria Saeta, Cárol, Anna Escribano, Inés Mayan e Lutxi.

BILBO (1): Jone; Jess, Andreza, Pitxi e Lais (quinteto inicial). Tamén xogaron, Almu, Seni, Prates e Elena.

Goles: 1-0, min. 9 Anna Escribano. 2-0, min. 14 Irene García. 2-1, min. 30 Jess. 3-1, min. 40 Dani Sousa.

Árbitros: Marcos Pérez Rodríguez e José Luis Hermida do colexio galego. Amoestaron a Jess no Bilbo e Ana Rivera no Poio Pescamar.

Incidencias: Pavillón Municipal de Poio. Ante máis de 300 espectadores.