As caídas deixan sen opcións o Froiz na Clásica de Torredonjimeno

Pontevedra
05 de outubro 2020

Pese ao infortunio o conxunto pontevedrés conseguiu levar con Aarón Mariño a clasificación da montaña na penúltima proba da tempada da Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo

Aarón Mariño coa camisola da montaña na Clásica de Torredonjimeno
Aarón Mariño coa camisola da montaña na Clásica de Torredonjimeno / Grupo Deportivo Supermercados Froiz

O infortunio cebouse este domingo co Grupo Deportivo Supermercdos Froiz na Clásica de Torredonjimeno, penúltima cita puntuable da Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo na estrada.

As caídas acabaron coas opcións de triunfo do equipo pontevedrés, aínda que Aarón Mariño salvou os mobles ao meterse na escapada do día e conseguir os puntos necesarios para levar a casa o maillot da montaña.

Nunha carreira moi movida, con múltiples intentos de fuga, todo decidiuse no tramo final, tras coroar o último porto da xornada. Na súa baixada Adrián Barros e Ramón González, do Froiz, fóronse ao chan quedando descolgados. Ademais Guillermo García tamén viuse implicado nunha caída que lle supuxo un forte  gope no xeonllo aínda que sen consecuencias graves.

Nesta situación o Froiz quedou sen representantes nin na fuga de tres que se formou a falta de 20 quilómetros e que terminaría pelexando polo triunfo nin no reducido pelotón que apertaba por detrás e que chegou a poucos segundos.

O vencedor foi finalmente Abner González (Telecom), entrando o grupo a 9 segundos. O primeiro corredor do Froiz con todo foi Aarón Mariño a máis de 5 minutos, ao ceder unha vez neutralizado da fuga que lle valeu polo menos para encabezar a clasificación da montaña.

A falta dunha única carreira para que conclúa a Copa de España, o vindeiro domingo 11 de outubro co prestixioso Memorial Valenciaga, o mellor clasificado do Froiz na clasificación do campionato é Víctor Romero, no posto 42.