As entradas para o España-Finlandia de fútbol sala, a 10 euros na venda anticipada

Pontevedra
19 de marzo 2018

A venda de  entradas para o partido amigable que xogará a selección española de fútbol sala en Pontevedra xa se habilitou na internet. O encontro amigable da subcampioa de Europa disputarase o luns 2 de abril

O vigués Pola, na final da Eurocopa de fútbol sala
O vigués Pola, na final da Eurocopa de fútbol sala

As entradas para o encontro amigable que xogarán as seleccións absolutas de España e Finlandia de fútbol sala en Pontevedra están xa á venda.

Segundo informaron a Real Federación Galega de Fútbol e o Leis Pontevedra, organizadores xunto á Real Federación Española de Fútbol e o Concello de Pontevedra, os billetes para ver en directo á subcampioa de Europa no que será o seu primeiro compromiso tras o Europeo poden adquirise de maneira anticipada no portal www.marcaentradas.com.

O prezo das entradas fixouse en 10 euros na venda previa, mentres que o propio día do encontro estarán dispoñibles no despacho de billetes a 13 euros.

Ademais, segundo indicaron desde o Leis, habilitarase un prezo especial para nenos e clubs, aínda que non precisaron o importe destas promocións.

O partido amigable entre España e Finlandia disputarase o luns 2 de abril (19:30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra. Un día despois ambos os equipos nacionais volverán ver as caras en Ferrol.