As esperanzas olímpicas de Melania Rodríguez, en xogo no Mundial de ximnasia trampolín

Pontevedra
25 de novembro 2019

A xove ximnasta pontevedresa puxo este domingo rumbo a Tokyo, onde o xoves comeza o Campionato do Mundo de Trampolín, e onde quere apurar as súas opcións de clasificación olímpica. Na cita tamén estarán o pontevedrés Álex Bernárdez e o ourensán Daniel Pérez

A Selección Española de Ximnasia Trampolín, en Barajas antes de partir cara ao Mundial de Xapón
A Selección Española de Ximnasia Trampolín, en Barajas antes de partir cara ao Mundial de Xapón

A Selección Española de Ximnasia Trampolín puxo este domingo rumbo a Xapón para participar no Campionato do Mundo.

Entre os deportistas participantes destaca unha pontevedresa, Melania Rodríguez, que pese a súa xuventude busca apurar as súas opcións de clasificación para os Xogos Olímpicos de 2020.

Melania, actual subcampioa mundial na modalidade non olímpica de dobre minitramp (DMT), está centrada esta campaña no trampolín coa vista posta en Tokyo 2020, cita para a que este Mundial pon varios billetes en xogo.

Non será tarefa sinxela, xa que para lograr a clasificación a representante do Ximnasia Pontevedra-Burgas Ourense debería quedar entre as 8 mellores, é dicir, conseguir praza de finalista. Existe outra vía de clasificación mediante o ranking nas copas do Mundo, pero por aquí está case imposible polos seus resultados ata a data, por exemplo cun 36º posto recentemente en Valladolid. 

De non conseguilo no Mundial, a última oportunidade chegaría no Campionato de Europa previsto para o mes de maio de 2020, onde tería que quedar campioa.

O Campionato do Mundo de Ximnasia Trampolín terá lugar na capital nipoa entre o xoves 28 de novembro e domingo 1 de decembro, e nel participarán tamén o pontevedrés Alejandro Bernárdez, aspirante aos primeiros postos no dobre minitramp (DMT), e o ourensán Daniel Pérez, compañeiros no Ximnasia Pontevedra-Burgas Ourense, acompañados todos eles por Pablo Hinojar como seleccionador nacional.