Son tempos difíciles para o Dicsa Modular Cisne. Despois de contaxiarse medio persoal por covid-19, agora atópase coas lesións de Alejandro Conde, Iván Calvo e Jorge Villamarín, ademais dun calendario moi apertado de aquí a final de mes.
Unha das baixas máis destacadas é a do defensa Iván Calvo. Segundo informou o club, o xogador pasou a noite do sábado ingresado no hospital ao ter que someterse á operación do dedo polgar da man esquerda despois de lesionarse no encontro ante o Bidasoa.
Calvo súmase a Carró (ausente desde inicio de tempada pola súa lesión no ombreiro), e deixa en cadro á zaga cisneísta polo menos durante un mes.
Á baixa do defensa súmaselle a do porteiro, Villamarín, que está a ser tratado polo fisio do club por unha lesión no cuádriceps, e a do pivote Conde, que no mesmo partido acabou tocado dun nocello.
Estas lesións supoñen un gran contratempo para o conxunto de Jabato que terá que afrontar un maratón de tres partidos en oito días: Benidorm (20 de novembro), Guadalaxara nun encontro aprazado no seu día (25 de novembro), e Sinfín (28 de novembro).