Mal grolo para o Cisne na Rioxa (34-23)

Pontevedra
18 de novembro 2020

Os pontevedreses foron capaces de plantar cara ao Logroño no primeiro tempo, pero unha curta rotación e o elevado ritmo imprimido polos rioxanos fixo decantarse a balanza  hacie o lado local na segunda parte

Partido de liga Asobal entre Logroño e Cisne
Partido de liga Asobal entre Logroño e Cisne

Nova derrota do Cisne despois do segundo enfrontamento consecutivo contra un dos galos da categoría. Os brancos, que esta vez xogaron de azul, foron capaces de aguantar o ritmo durante o primeiro tempo, pero no segundo o cansanzo fixo efecto nos pontevedreses lastrados por unha rotación moito máis corta que a dos rioxanos que non deixaron de coller aire aos brancos en ningún momento do partido.

O primeiros dez minutos de partido foron igualados, pero Logroño non tardou en dar un golpe sobre a mesa para deixar claro ao Cisne que, se querían sacar algo positivo da súa viaxe, terían que ofrecer a súa mellor versión e esperar un mal día dos locais. Non foi así e ao cuarto de hora de xogo a renda local xa era de catro tantos. Pediu tempo morto Jabato e os seus reaccionaron para volver meterse no partido.

Pero unha exclusión a falta de catro minutos para o descanso volveu permitir escaparse aos rioxanos ata os cinco tantos cos que se chegou ao intermedio (17-12).

De manter o nivel, podía soñar o Cisne cunha xesta. Os pontevedreses deixáronse a pel sobre o parqué pero non foi suficiente. Nos dez primeiros minutos de segundo tempo, despois doutros dous minutos en inferioridade, a desvantaxe lerezana creceu ata os 7 tantos.

Cos dous puntos no peto, moveu o banco o técnico visitante sen chegar a perder en ningún momento o control do partido e do resultado. Entrou o partido nunha fase de intercambio de golpes no que o Logroño sempre saíu gañando. Co paso dos minutos, lentamente, a vantaxe local seguía crecendo ata superar a decena.

Foi nos últimos cinco minutos de partido cando o gardameta local apareceu para salvar dous escintileos da calidade ofensiva que atesouran os pontevedreses e evitar que o Cisne maquillase o resultado. Co bocinazo final consumouse unha nova derrota que non debe afectar á moral do Cisne. A súa liga é outra e non hai tempo para lamentacións porque o sábado agarda xa o Benidorm, ao que os brancos se teñen capacidade de facerlles sufrir.