As ligas galegas de waterpolo soben o pano

Pontevedra
08 de outubro 2014

O Waterpolo Galaico debuta este sábado no Centro Galego deTecnificación Deportiva ante o CN Coruña

Xogadores do Club Waterpolo Galaico
Xogadores do Club Waterpolo Galaico / CW Galaico

Este fin de semana arrancan as ligas galegas de waterpolo, nas que por primeira vez o Club Waterpolo Galaico Pontevedra participará con sete equipos nas diferentes categorías.

O club pontevedrés contará con dous equipos alevíns, un infantil, o cadete, absoluto feminino, absoluto mixto de 2ª División e o absoluto masculino de 1ª División.

A máxima categoría autonómica contará de novo con seis clubs: CW Galaico Pontevedra, CN Coruña, CW Santiago, Marina Ferrol, RCN Vigo e Asociación Coruñesa de Waterpolo.

A competición iníciase este sábado 11 de outubro cunha reedición da última final de liga e a recente supercopa, un partido entre o Galaico e o CN Coruña na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Os catro primeiros clasificados na liga regular accederán ao play-off polo título, no que se repartirán dúas prazas para o Campionato de España de 3ª División, fase de ascenso a 2º Nacional.