As mellores canteiras do waterpolo galego rétanse este sábado na piscina do CGTD

Pontevedra
23 de febreiro 2023

A final do cadro feminino está prevista para as 11.30 horas deste sábado, mentres que a do cadro masculino disputarase ás 20 horas, despois das dúas semifinais e o partido polo bronce

Presentación dos campionatos galegos xuvenís de waterpolo
Presentación dos campionatos galegos xuvenís de waterpolo / PontevedraViva

A piscina do Centro Galego de Tecnificación deportiva acollerá este sábado os campionatos galegos de categoría xuvenil masculina e feminina de waterpolo. O evento, no que está en xogo o pase aos campionatos de España desta categoría, foi presentado este xoves no CGTD por parte do adestrador do director técnico do club, Kike García, o director do CGTD, Jesús López; e a deputada provincial Iria Lamas.

A competición comezará ás 11.30 horas do sábado coa disputa da final feminina, na que se enfrontarán as xuvenís do CW Pontevedra coas do RCN Vigo. 

A continuación comezará a disputa das eliminatorias do cadro masculino, no que se medirán, ás 12.45 horas, o RCN Vigo e o CW Coruña Rías Altas. Ás 14 horas, terá lugar a outra semifinal, entre CW Pontevedra e CW Santiago.

Na quenda de tarde, a partir das 18.30 horas, están programados o partido polo bronce e, ás 20 horas, a final. 

"O obxectivo do CW Pontevedra é gañar, tanto coas mozas como cos mozos, pero non vai ser fácil", recoñeceu García.

Pola súa banda, tanto desde o CGTD como desde a Deputación, destacaron o compromiso de ambas as institucións co apoio ao CW Pontevedra á hora de ceder instalacións e axudar na organización de eventos.

"Sempre queremos colaborar cos clubs da cidade", recoñecía López, antes de que Lamas concluíse a presentación destacando o firme compromiso co apoio ao deporte feminino.