As obras para colocar céspede artificial no campo da Seca, a partir do 15 de xaneiro

Poio
03 de xaneiro 2019

O cambio está previsto e coordinado cos equipos que usan o campo, para que as obras non dificulten a practica diaria de adestramentos e partidos. Os equipos que usaban o campo de herba natural vanse trasladar o campo da Reiboa sen que iso supoña ningún prexuízo para a súa actividade deportiva

Adestramento do Pontevedra no campo da Seca, Poio PontevedraViva

A partir do próximo 15 de xaneiro comezarán as obras para converter o campo de fútbol municipal da Seca nunhas instalacións deportivas con herba sintética.

Os traballos, adxudicados á empresa Obras y Pavimentos Especiales, S.A., son financiados a través do Plan Concellos da Deputación e teñen un investimento de 479.250,41 euros.

A intención é rehabilitar todo o campo de fútbol, dotándoo dun céspede de última xeración e mellorando os servizos do estadio e o seu mobiliario.

Este obra, que se acordou no Consello Municipal de Deportes do ano 2013 onde se requiría á Deputación o cambio de pavimento a herba artificial, permitirá que os clubs do municipio poidan ter unhas instalacións modernas que responda á demanda dos usuarios.

O cambio está previsto e coordinado cos equipos que usan o campo, para que as obras non dificulten a practica diaria de adestramentos e partidos.

Os equipos que usaban o campo de herba natural vanse trasladar o campo da Reiboa sen que iso supoña ningún prexuízo para a súa actividade deportiva.

A forte demanda deportiva precisa, segundo o Concello de Poio, de instalacións que permitan coordinar adestramentos da base así como partidos federados ou de fútbol afeccionado, o que implicaba a necesidade de Poio tivera dous campos. 

Actualmente máis de 200 nenos de base e diferentes equipos de fútbol federado e afeccionado usan as instalacións. Unha vez rematadas as obras do campo da Seca poderán usarse de xeito simultáneo ambos equipamentos deportivos.