As opcións de ascenso afástanse para o Bádminton Ravachol

Pontevedra
21 de xaneiro 2019

Dúas vitorias e unha derrota foi o balance do club pontevedrés nas xornadas da Primeira División Nacional disputadas en Xixón

Equipo do Bádminton Ravachol Pontevedra na xornada de liga en Xixón
Equipo do Bádminton Ravachol Pontevedra na xornada de liga en Xixón / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O obxectivo do Club Bádminton Ravachol Pontevedra de pelexar polo ascenso afástase despois das xornadas da Primeira División Nacional disputadas en Xixón.

O club pontevedrés conseguiu dúas vitorias e encaixou unha derrota ante un rival directo como o CB Alicante que lle fai non depender de si mesmo no tramo final da competición.

Raquel Miguens, Manuel Brea, Ana Carbón, Miguel Sanluis, Noelia Gestoso e Alejandro Nogueira formaban a convocatoria, cunha primeira xornada que tivo lugar ante o Caser Clear de Madrid, saldándose cunha contundente vitoria por 6-1, mentres que o segundo triunfo chegou ante o CB Bellaterra catalán por apertado 4-3.

Xa o domingo esperaba o líder invicto da liga, o CB Alicante, nun enfrontamento de tremenda igualdade que se terminou decidindo en favor dos alacantinos por 3-4.

Con estes resultados, o Ravachol Pontevedra sitúase cuarto na táboa con 27 puntos, a 9 do líder, e con escasas opcións de ascenso a División de Honra.

"Quedámonos cun sabor agridoce, estivemos moi preto de gañar a Alicante pero ao final non puido ser. As opcións de ascenso agora mesmo son moi escasas, só quédanos gañar os tres partidos que faltan e esperar resultados dos rivais directos. De todos os xeitos, debo dicir que a entrega de todos os integrantes do equipo está a ser incrible", sinalou tras a fin de semana de competición o adestrador do equipo, Jesús Pereiro.

A última xornada de liga na Primeira División disputarase os días 2 e 3 de febreiro no pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra.

NATALIA  MURIO, SUBCAMPIOA NO MÁSTER DE CANTABRIA

A boa noticia da fin de semana para o Ravachol deuna a súa xogadora Natalia Murio na localidade cántabra de Liencres, onde se disputou o Máster Nacional Sub-17.

A pontevedresa conseguiu subir ao podio na modalidade de dobres, xunto á súa compañeira Paula Molins do CB Granollers, levando a medalla de prata.