As rapazas da Gimnástica dan a cara no Campionato Galego Absoluto en Pista Cuberta

Pontevedra
02 de febreiro 2015

O potencial do club pontevedrés viuse minguado na participación dos seus atletas masculinos ao coincidir coa celebración da Copa do Rei en San Sebastián

Equipo da Gimnástica na Copa Galicia 2014
Equipo da Gimnástica na Copa Galicia 2014 / Sociedad Gimnástica

A Gimnástica non puido liderar, como os últimos anos, o medalleiro do Campionato Galego Absoluto en Pista Cuberta celebrado na Coruña.

O club pontevedrés viu minguado o seu potencial ao coincidir o evento coa Copa do Rei de Atletismo en San Sebastián, a onde acudiu o seu equipo masculino.

Malia iso as rapazas da Gimnástica tiraron do carro sumando cinco das sete medallas do club.

Rocío Rodríguez foi a única gañadora ao impoñerse nos 1.500 metros, mentres Barca Toba (3.000 metros) e Clara Gil (pértega) foron prata e Sandra Carballo (peso) e Inés Martínez (pértega) bronce.

Completaron os podios para a entidade lerezana Ángel Vargas cun segundo posto nos 400 metros lisos e David Rocha cun terceiro en peso.

Ademais, no Campionato Galego Promesa a Gimnástica sumou tres ouros, 4 platas e un bronce, sendo a máis laureada Paula Martín con catro medallas grazas a un ouro en lonxitude e tres platas (pértega, 50 metros e 200 metros).

Tamén lograron metais nesta categoría Inés Martínez (ouro en pértega e prata en altura), Rocío Rodríguez (ouro en 1.500 metros) e Cristina González (bronce en 1.500 metros).