As sancións empezan a afectar o Pontevedra

Pontevedra
13 de novembro 2025
Actualizado: 14 de novembro

Tras 11 xornadas de liga o central Miki Bosch será o primeiro futbolista granate en perder un partido por acumulación de amoestacións

Árbitro do partido entre Pontevedra CF e Tenerife en Pasarón
Árbitro do partido entre Pontevedra CF e Tenerife en Pasarón / Cristina Saiz

Despois de 11 xornadas de competición na Primeira RFEF, chega o momento para o Pontevedra Club de Fútbol de empezar a lidar coas habituais sancións.

Até o momento só Montoro, pola súa expulsión en Ponferrada, tiña perdido un encontro por este motivo, circunstancia que cambiará este próximo sábado 15 de novembro (16.15 horas) coa visita do Mérida a Pasarón.

Non estará dispoñible para este choque o central Miki Bosch, titular nas 11 xornadas disputadas até a data, que debe cumprir un castigo dun encontro de suspensión por acumulación de amoestacións.

O central é o primeiro que chega á cifra de 5 cartolinas amarelas, tras ser amoestado en Salamanca, e deberá de cumprir sanción.

En capela, a unha amarela do castigo, atópase ademais Yelko PIno con 4 amoestacións.

Tras eles, con 3 cartóns, atópanse Montoro, Víctor Eimil, Brais Abelenda, Vidorreta e Álex González, que pronto poden pasar a engrosar a lista de apercibidos.