Ascenso contra o Lorca, play-off en Oviedo ou Copa ante o Zaragoza: Que partido do Pontevedra gustaríache revivir?

Pontevedra
04 de abril 2020

A Televisión de Galicia, a través do seu programa En Xogo da segunda canle autonómica, pide a opinión dos afeccionados granates para volver emitir algún dos partidos que mellor recordo deixaron no Pontevedra nos últimos anos

Alejandro Vázquez e Martín Ragg celebran o ascenso do Pontevedra a 2ª en 2004
Alejandro Vázquez e Martín Ragg celebran o ascenso do Pontevedra a 2ª en 2004 / PontevedraViva

Que partido da historia recente do Pontevedra Club de Fútbol gustaríache revivir durante o confinamento? A resposta tena a Televivisión de Galicia.

O programa En Xogo da segunda canle autonómica, ao igual que fixo nas últimas semanas con outros equipos galegos, propúxose redifundir un encontro histórico dos granates para deleite dos seus afeccionados.

Así, habilitaron unha enquisa na que dan tres opcións:

Cronoloxicamente falando a primeira delas corresponde ao máxico 2004, concretamente ao 27 de xuño, data gravada na memoria colectiva dos seguidores de Pasarón por ser a do último ascenso a Segunda División, nun partido ante o Lorca que terminou con resultado de 3-0 para os granates grazas aos goles de Xaco e Javi Rodríguez (2).

A segunda opción remóntase ao 2007, con Javi Gracia no banco no último gran duelo de Copa do Rei que se lembra a beiras do Lérez, o que lle enfrontou ao europeo e naquel momento poderoso Real Zaragoza e que terminou con triunfo 1-0 con tanto de Víctor  Ormazábal.

Por último En Xogo propón un duelo que aínda que non supuxo un ascenso, permitiu ao Pontevedra avanzar de rolda no play-off do ano 2010 nun dos encontros máis épicos da historia recente do club. Foi en Oviedo, onde o equipo adestrado por aquel entón por Pablo Alfaro sobrepúxose ás expulsións para eliminar aos ovetenses grazas a un gol de Igor cando só contaban con 8 xogadores sobre o verde (dúas expulsións e unha lesión momentanea).

Tras a resolución da votación, a Televisión de Galicia confirmará o día e a hora de emisión do encontro escollido, unha cita imperdible para os afeccionados pontevedreses.