Asobal dá o OK á documentación presentada polo Teucro para competir na máxima categoría

Pontevedra
18 de xullo 2017

A Comisión de Control Económico da liga aceptou a documentación do equipo pontevedrés, que xa pagara os custos de inscrición (case 20.000 euros) e presentara os avais (por valor de 68.100 euros) para retornar á elite nacional

Partido entre Teucro e Barcelona no Municipal da tempada 2015/2016
Partido entre Teucro e Barcelona no Municipal da tempada 2015/2016 / Diego Torrado

A Sociedad Deportiva Teucro xa é, para todos os efectos, equipo da máxima categoría do balonmán nacional.

A Comisión de Control Económica da liga Asobal deu este martes o visto e prace á documentación presentada polo club pontevedrés para inscribirse na competición.

En total o Teucro tivo que facer fronte ao pagamento de 12.100 euros (10.000 + IVE) a Asobal polos dereitos de competición na máxima categoría, ao que se suman 7.500 euros pola inscrición na Federación Española (dos que tivo que abonar por adiantado o 50%) e o 'pagaré' presentado por valor de 13.000 euros como cota de socio da asociación de clubs, con vencemento ao 15 de setembro.

Ademais a directiva tivo que presentar unha serie de avais ante ambas as institucións por valor de 58.200 euros (6.000 deles ante a Federación).

Cumprimentados todos estes trámites e presentada a documentación en tempo e forma, os azuis foron confirmados como equipo de Asobal por pleno dereito, esquecendo o acontecido dous anos atrás cando a liga tentou excluír aos pontevedreses e ao Cangas por discrepancias na súa inscrición.

Aínda que o esforzo económico foi importante, na parte positiva a entidade teucrista recibirá esta tempada 20.000 euros en concepto de dereitos televisivos, partida que foi incluída no orzamento aprobado pola Comisión Económica.