Zamora, primeiro rival do Teucro nunha Liga Asobal que arrancará o 9 de setembro

Pontevedra
27 de xullo 2017

O Teucro xa coñece os rivais aos que se enfrontará no seu regreso á liga Asobal. E o debut será cun vello coñecido. E é que o sorteo do calendario, celebrado este xoves en Madrid, determinou que o club pontevedrés arranque a tempada ante o Zamora, xusto o mesmo rival co que debutou o pasado ano na División de Prata

Primeiro adestramento da SD Teucro 2017-2018 no Municipal
Primeiro adestramento da SD Teucro 2017-2018 no Municipal / Mónica Patxot

O Teucro xa coñece os rivais aos que se enfrontará no seu regreso á liga Asobal. E o debut será cun vello coñecido. E é que o sorteo do calendario, celebrado este xoves en Madrid, determinou que o club pontevedrés arranque a tempada ante o Zamora, xusto o mesmo rival co que debutou o pasado ano na División de Prata.

O choque entre ambos os equipos recentemente ascendidos celebrarase en terras castelás o 9 de setembro. O primeiro partido do Teucro no Municipal de Pontevedra será a semana seguinte, o 16 de setembro, ante o Guadalaxara.

Marcados en vermello no calendario hai outras citas como os dous derbis que enfrontarán ao Teucro e ao Balonmán Cangas. Será o 2 de decembro (xornada 12) no Gatañal e o 21 de abril de 2018 (xornada 27) en Pontevedra.

O calendario tamén deparou que o Teucro conclúa a liga na cancha do todopoderoso Barcelona, con quen se enfrontará o 13 de decembro en Pontevedra e o 15 ou o 19 de maio, segundo as competicións europeas, na Cidade Condal.

Podes consultar o calendario completo da liga Asobal nesta ligazón.

O mesmo día que se coñeceron os emparellamentos da próxima tempada, o Teucro iniciou os adestramentos. Todos os xogadores do primeiro equipo foron citados no Pavillón Municipal, onde tras unha breve charla co adestrador, Quique Domínguez, saltaron á pista para realizar os primeiros exercicios da pretemporada.

O club terá o primeiro test de preparación o próximo 10 de agosto. Será no Porriño ante o Xico Andebol da Primeira División Portuguesa.