O arxentino Andrés Moyano, último reforzo do Teucro no seu regreso a Asobal

Pontevedra
02 de agosto 2017

A SD Teucro pechou por fin o seu plantel para afrontar con garantías a tempada do seu regreso a Asobal. O club pontevedrés confirmou este martes que pechou un acordo co lateral dereito arxentino Andrés Moyano para que se incorpore ao equipo

Andrés Moyano, nun partido coa selección arxentina de balonmán
Andrés Moyano, nun partido coa selección arxentina de balonmán

A SD Teucro pechou por fin o seu plantel para afrontar con garantías a tempada do seu regreso a Asobal. O club pontevedrés confirmou este martes que pechou un acordo co lateral dereito arxentino Andrés Moyano para que se incorpore ao equipo.

Moyano, que cumprirá 21 anos o próximo 28 de agosto, chega por unha tempada con opción a unha segunda.

O xogador arxentino militou a pasada tempada no Handbol Sant Quirze, equipo da Primeira Nacional catalá. Antes, vestiu as camisetas do Uncuyo Handball e do Ferro Carril Oeste.

O lateral nado en Mendoza, de 1,92m e 92 quilos, acaba de disputar o Mundial júnior de Alxeria coa súa selección, coa que finalizou en décimo terceira posición sendo o terceiro máximo goleador de Arxentina con 19 goles.

Esta non era a primeira competición mundialista para Andrés Moyano, pois en 2015 disputou o Mundial xuvenil de Rusia. Naquela ocasión foi o máximo goleador de Arxentina con 37 goles en 7 partidos.

"Trátase doutro xogador que responde o perfil que buscabamos desde o inicio: novo, con moita proxección, con altura e gran capacidade física, bo lanzamento exterior, pero por encima de todo un enorme desexo de mellorar en moitos aspectos e de competir en Asobal", destaca Quique Domínguez, adestrador do Condes de Albarei Teucro.

Andrés Moyano incorporarase á disciplina teucrista tras unhas merecidas vacacións, unha vez finalizou o Mundial júnior.