Era o compromiso máis esixente de toda a pretempada, e aínda que os resultados non acompañaron as sensacións non foron de todo malas para o Condes de Albarei Teucro.
Os azuis finalizaron na cuarta posición no XIX Torneo Concello do Rosal despois de perder os seus dous encontros da competición.
A imaxe dos pontevedreses foi boa especialmente no primeiro deles, este venres, ante o Porto portugués (26-27), nun choque que dominaron na primeira metade chegando ao descanso en clara vantaxe (17-13). Con todo no segundo acto o cadro luso mellorou as súas prestacións e terminou levando a vitoria cun gol no último segundo.
Ao perder a semifinal o Teucro debía afrontar o partido polo terceiro e cuarto posto, no que o rival foi o Cangas, que cedeu á súa vez ante os locais do Atlético Novás nos penaltis tras finalizar o seu partido en empate.
Un rival tamén de Asobal e que pelexará polos seus mesmo obxectivos en liga, por tanto boa vara de medir o estado de forma dos azuis a dúas semanas do inicio da tempada oficial.
O choque transcorreu igualado, con intercambio de golpes, pero con lixeira vantaxe canguesa ao descanso (14-15). A renda terminaría alcanzando os tres tantos ao final do encontro (33-36).