Haberá derbi pontevedrés nas semifinais da Copa Galicia de balonmán

Pontevedra
31 de agosto 2017

O Teucro venceu con autoridade este mércores ao Atlético Novás (28-35) e enfrontarase o vindeiro venres 1 de setembro en Chapela ao Club Cisne Balonmán, que fixo o propio o martes ante o Lalín

Derbi entre o Cisne e o Teucro no Pavillón Municipal
Derbi entre o Cisne e o Teucro no Pavillón Municipal / Diego Torrado

Esta tempada tamén haberá derbi pontevedrés, aínda que os equipos da cidade estean encadrados en diferentes categorías tras o ascenso do Condes de Albarei Teucro á Liga Asobal.

Será en semifinais da Copa Galicia, rolda á que se clasificaron os azuis tras vencer este mércores con autoridade ao Atlético Novás no Rosal (28-35). 

Os de Quique Domínguez, tras uns primeiros compases de tenteo, mostraron a súa superioridade e demostraron que van collendo a forma. Así, ao descanso a vantaxe era xa de sete tantos (12-19), unha renda que conseguiron manter sen excesivos apuros en loss segundos 30 minutos.

Un día antes, o martes, o Club Cisne Balonmán desfíxose, non sen problemas, do Lalín (25-26) nun choque no que tiveron que remontar tras o gran inicio local. Os de Jabato chegaron a estar ata seis goles por baixo no marcador no primeiro tramo do encontro, pero melloraron lixeiramente antes do descanso (14-11) e igualaron a contenda á volta de vestiarios. Despois, nun apertado final, lograron impoñerse para avanzar na competición autonómica.

A semifinal entre Teucro e Cisne disputarase o vindeiro venres 1 de setembro (19:00 horas) en Chapela. O vencedor do encontro xogarase un día despois o título, o sábado 2 (15:45 horas) no pavillón vigués das Travesas ante o vencedor do Cangas-Calvo Xiria, nun encontro que servirá de aperitivo á Supercopa de España Feminina entre Atlético Guardés e Gran Canaria.