Ata 172 deportistas da provincia, recoñecidos como de alto nivel pola Deputación

Pontevedra
01 de maio 2020

O recoñecemento permitiralles acceder a unha liña de axudas que está previsto publicar en canto pase o estado de alarma. Entre os aceptados nesta categoría atópanse olímpicos como Támara Echegoyen, Teresa Portela, Bea Gómez ou Jean Marie Okutu e campións do Mundo como o triatleta Pablo Dapena, entre outros

Pablo Dapena, no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia de Pontevedra
Pablo Dapena, no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia de Pontevedra / Xan Xiadas

O Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) publicou esta semana a relación de deportistas que obteñen o recoñecemento das marcas de alto nivel (DEPO-DAN) e promesa (DEPO-PROMESA) impulsada pola  Deputación de Pontevedra.

Este recoñecemento é un paso imprescindible para poder aspirar á liña de axudas da institución provincial, cuxo prazo de solicitude está previsto abrir tras o estado de alarma. Para a súa concesión, informa a administración, terase en conta os resultados conseguidos nos anos 2018 e 2019.

No que respecta ao alto nivel, son 172 os deportistas que conseguiron o recoñecemento, dos que 113 mantéñense desde o ano anterior. Entre eles destacan por exemplo os olímpicos Támara Echegoyen, Bea Gómez Cortés, Teresa Portela, Frank Casañas e Jean Marie Okutu, o medallista paralímpico Juan Antonio Saavedra ou campións do Mundo como o triatleta Pablo Dapena e o piragüista Tono Campos.

No bando contrario, non cumpriron as bases segundo a resolución algúns deportistas da comarca como a tenista Celia Cerviño e a piragüista Carla Sieiro.

No que respecta á categoría de 'Promesa', accederon a ela 87 deportistas de 18 modalidades.