Australia, segunda parada nas Series Mundiais de tríatlon para Javi Gómez Noya

Pontevedra
06 de abril 2017

O triatleta galego afronta a segunda cita da tempada nas Series Mundiais cunha carreira en distancia sprint en Gold Coast. A pesar de non ser a súa especialidade, espera poder sumar importantes puntos para situarse nunha posición vantaxosa na loita polo seu sexto título mundial

Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Abu Dhabi
Gómez Noya durante a proba das Series Mundiais en Abu Dhabi / Janos M.Schmidt / ITU Media

Javi Gómez Noya volve competir nas Series Mundiais de tritalón na segunda proba puntuable da tempada, que se celebrará o vindeiro sábado 8 de abril na localidade australiana de Gold Coast.

Tras o seu brillante debut en Abu Dhabi o pentacampeón mundial enfrontarase en Australia a unha carreira en distancia sprint, que non afronta desde o ano 2015 en Edmonton.

A explosividade da distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé) non é o mellor para as súas características, pero espera sumar unha boa cantidade de puntos que lle permita colocarse en vantaxe na loita polo que sería o seu sexto título.

Non estarán en Gold Coast os irmáns Brownlee, pero si o actual campión mundial, o mallorquino Mario Mola, que se defende como poucos na modalidade sprint, ou o surafricano Richard Murray, gañador da recente Super League e que esta campaña venceu tamén en dúas carreiras da Copa do Mundo. Ademais na lista de saída tamén se atopa o talaverano Fernando Alarza, fincado actualmente en Pontevedra.

A carreira elite masculina dará saída ás 6:06 horas en España.

Tras esta proba, Gómez Noya ten intención de realizar unha nova concentración de adestramento en Nova Zelandia ata a próxima carreira das Series Mundiais, a segunda fin de semana de maio en Yokohama, Xapón.