O Pontevedra Club de Fútbol non estará só o vindeiro domingo (18:00 horas) na cidade deportiva de Cerro del Espino, en Majadahonda, onde xogará a permanencia na Segunda División B ante o filial do Atlético de Madrid.
O club granate vén de anunciar a organización dunha viaxe para os seus afeccionados, na que se patrocinará o custo dos autocares.
Desta forma os que se despracen a Madrid só deberán abonar os 15 euros do custo da entrada para o partido.
A 'marea granate' partirá o mesmo domingo ás 7:00 horas desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar á conclusión do encontro.
Segundo informou o Pontevedra, darase preferencia á hora de inscribirse aos seguidores que xa participaron en anteriores desprazamentos e aos socios, aínda que pode anotarse calquera afeccionado acudindo ás oficinas de Pasarón ata o vindeiro venres día 11, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16: a 19:00 horas.
Polo momento o club non marca un número máximo de autocares para a viaxe organizada e asegura que a decisión de ampliar as prazas tomarase en función da demanda existente.