Azael García, novo xogador do Pontevedra: "Veño coa mentalidade de xogar en Pasarón coa presión encima. Motívame"

Pontevedra
16 de xaneiro 2024

O centrocampista Azael García López, lucense de 19 anos, procede do Valencia Mestalla e este martes foi presentado por Charles en Pasarón como novo xogador do Pontevedra Club de Fútbol ata finais de tempada. En relación con novas incorporacións, o secretario técnico do club indica que "ao longo dos próximos días seguramente haberá cousas"

Azael García coa camiseta granate en Pasarón Mónica Patxot

Azael García López, xogador lucense de 19 anos, xa é novo xogador do Pontevedra Club de Fútbol ata finais desta tempada. Ocupará ficha sub-23.

O xogador, procedente do Valencia Mestalla, era presentado por Charles Días, secretario técnico do club, este martes na sala de prensa do estadio de Pasarón. 

Charles recoñeceu que o club granate levaba desde principios de tempada seguíndoo e non se puido incorporar porque o Valencia Mestalla non o permitiu daquela. "Neste mercado xurdiu a posibilidade e creo que hai que agradecer ao Valencia que deixe vir o xogador, que tamén quería vir", afirmou.

Azael García admitiu que quixo vir á entidade granate porque "o Pontevedra é un club dos mellores de Galicia, está entre os tres primeiros". Expresou de maneira contundente que "Pasarón é a ostia" e que vén seguindo ao conxunto que dirixe Yago Iglesias: "vese que ten un gran equipo pola clasificación e os resultados. Iso foi primordial".

Tamén destacou que desde o Pontevedra CF insistiron en que se incorporase. "Tiñan confianza en min. Agora teño que devolvela no terreo de xogo", asegurou Azael, que se pon como obxectivo o ascenso. 

"O meu estilo de xogo é ter o balón, a posesión do partido e ser verticais no terreo de xogo", definiuse o centrocampista que leva desde o mércores 10 na cidade.

Charles explicou que Azael ten a posibilidade de xogar polas dúas bandas e tamén detrás dun punta. Engadiu que se trata dunha incorporación na liña do club que busca xogadores que teñan a posibilidade de ocupar varias posicións. Tamén quixo destacar a calidade do xogador de Lugo: "gústalle ter o balón, con desenvoltura. Oxalá dea a súa mellor versión aquí" e lembroulle a presión que supón xogar en Pasarón.

A este encontro coa afección granate, o xogador indicou que "desde que cheguei aquí eu estou dispoñible, coa mentalidade de xogar en Pasarón coa presión encima. Iso a un xogador como eu motívalle".

PRÓXIMAS INCORPORACIÓNS

O secretario técnico volveu mostrarse esquivo ao ser preguntado sobre novas incorporacións neste mercado de inverno.

"Pode ser que si, pode ser que non", respondeu Charles Días.

A continuación, admitiu que se está "traballando moito" nas oficinas do club e "ao longo dos próximos días seguramente haberá cousas", manifestou deixando a porta aberta a novos reforzos para o persoal que dirixe Yago Iglesias.