O Club Bádminton Ravachol Pontevedra asegurou a súa presenza, por sexto ano consecutivo, en División de Honra, máxima categoría nacional.
O equipo pontevedrés logrouno cun contundente triunfo contra o CB As Neves (7-0) nun enfrontamento que tivo que disputarse unha vez máis fóra da Boa Vila pola falta de pistas dispoñibles. Xogouse finalmente no Pavillón Municipal de Leirado de Salvaterra de Miño.
"Estamos moi contentos porque hoxe aseguramos a permanencia e cumprimos o noso obxectivo da tempada. O Ravachol será equipo de División de Honra por sexto ano consecutivo", explica o director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.
"Seguimos a facer historia para o deporte pontevedrés e para o bádminton galego, a pesar das dificultades loxísticas. Esta tempada foi especialmente dura como locais, xa que non repetimos sede en ningún dos nosos partidos de liga, e nin sequera xogamos dúas veces na mesma localidade. Competimos en Pontevedra, A Estrada e Salvaterra de Miño", asegura.
En canto ao encontro contra As Neves, Jacobo Fernández e Carmen Carro tiveron que remontar para sumar o primeiro punto nos dobres mixto en cinco sets (4-11, 10-11, 11-10, 11-7, 11-10), e os dobres por xénero encarrilaron o triunfo con actuacións contundentes de Gabriel e Jacobo Fernández (11-8, 11-5, 11-7) e de Georgina Bland e Iziar Barcala (11-8, 11-9, 11-6).
Xa nas roldas individuais confirmouse a superioridade do Ravachol. Georgina Bland non deu opción a Andrea Fernández (11-3, 11-3, 11-8), e Felix Wright fixo o propio fronte a Iker Rodríguez (11-4, 11-7, 11-7) asegurando a vitoria global para o seu equipo.
Co marcador xa decidido, Iziar Barcala derrotou con solvencia a Marta Álvarez (11-5, 11-4, 11-5), e Gabriel Fernández puxo a guinda ao imporse a Pablo Méndez (11-8, 11-9, 11-3).
Na última joonada do campionato, prevista para o próximo 22 de marzo, o Ravachol Pontevedra enfrontarase ao San Fernando de Valencia nun choque que se xogará no Pavillón Coto Ferreiro da Estrada.